Caranza é na actualidade
un dos barrios máis poboados do Concello de Ferrol, situado ao
sur-leste da cidade.
Ao longo de nove séculos foi un couto que
estivo baixo a administración da autoridade eclesiástica vinculada
ao Mosteiro beneditino de San Martiño de Xuvia. No século XV, pasou a formar parte das posesións dos Condes de Andrade.
No século XVI, o rei Felipe II vende o couto de Caranza e a súa igrexa, á catedral de Compostela.
Logo pasou a formar parte do concello de Serantes.
No ano 1940 finalmente pasa a pertencer ao Concello de Ferrol.
Caranza estaba composta
principalmente por terras de uso agrícola e gandeiro, que abastecían
de alimentos á vila, e posterior cidade de Ferrol, e que conformaban
unha entidade administrativa parroquial. A actividade pesqueira e
marisqueira estivo sempre presente na vida das xentes de Caranza,
privilexiada en canto á súa situación xeográfica en relación á
Ria de Ferrol.
Caranza, ata o século XX,
estendíase desde os límites da muralla ferrolana, onde existía
unha porta de entrada especial chamada “porta de Caranza”,
construida entre os anos 1769 e 1774, e as terras que limitaban coa
Enseada da Gándara, no lugar chamado “O Montón”.
A Caranza antigua tiña
forma de península e limitaba por mar coas enseadas de Caranza, O
Montón e A Gándara. A parroquia estaba conformada por vinte e un
lugares: O Prado, As Telleiras, A Greza, O Mourel, A Costa, O Carro,
O Curro, O Voo, O Vao, O Montón, A Pallota, O Maxolo, O Bertón, A
Costa, A Trasanqueira, Hervella, O Furado, O Carballo, O Canaval, O
Barbeito e O Feirante.
Na antiga Caranza
desembocaba o Rio do Tronco e o Río Inxerto. Contaba Tamén con
varios regatos e fontes, hoxe soterradas baixo os edificios ou
estradas do actual Polígono de vivendas e o Polígono da Gándara.
As fontes eran : A Fonte do Prado, Fonte da Greza, O Reidoiro, Fonte
do Piñeiro, Fonte do Vaa, O Carballo, O Caveiro, Fonte do Boo, Fonte
do Mourel.
Non coñecemos fontes
históricas documentais ou arqueolóxicas que falen de asentamentos
antigos en Caranza, pero a existencia dun lugar chamado “O Mourel”,
hoxe localizado á altura do Centro de Saúde, pode
indicar a existencia dun castro, ou dun lugar de enterramentos tipo
mámoas.
A orixe do topónimo“Caranza”, é prerromana (*CAR, que significa “Pedra”), e
pode estar vinculado á existencia dalgunha pedra de culto
precristián. Poderia ser algúm vestixio dela, a localizada na Ermida de Santa Maria de Caranza.
Hai referencias históricas
en documentos onde se nomea a Caranza como “Caranciola”,
“Karancia” e “Carancia”. En 1132 hai recollido un documento
no Mosteiro de Xuvia, onde se fala de Carancia e Caranciola.
Durante o Reino Suevo, o
Rei Miro convocou o Concilio II de Braga, no ano 572, polo que o
Couto de Santa Maria de Caranza pasaba a formar parte da
administración de Iria Flavia (Padrón).
En 1122, pasa por convenio
a estar baixo a autoridade do Obispado de Mondoñedo, concretamente o
28 de agosto, data que coincide coa celebración das festas patronais
do barrio.
Algúns documentos que recollen referencias históricas de Caranza:
- O 7 de decembro de 1132 o Conde Fernán Pérez de Traba e a súa filla Tareiga (casada máis tarde con Fernándo II de León), cede as súas posesións en “Carancia” a Otón de Xubia.
- No ano 1195 Pedro Bermúdez deixa as súas pertenzas en “Caranciola” ao Mosteiro de San Martín de Xuvia.
- No ano 1421, Fernán Cans de Caranza, cede ao Mosteiro de San Martín de Xuvia, unha herdanza chamada “Leira do Vao”.
- Alfonso Rico e á súa muller fan cesión dalgunhas herdanzas de Caranza ao mesmo mosteiro no ano 1421.
- No ano 1421 documento sobre un pleito que acaba en concordia, entre o prior Fernán López e Pedro de Caranza. Un pleito do Casal de Caranza “que foi” Gonzálo de Esquio.
- Outro documento que recolle a palabra Caranza e que está gardado no Arquivo Catedralicio de Mondoñedo, data do ano 1591. Trátase dun caderno onde se anotaban os pagos que facía a Igrexia Católica á Corona española. A parroquia de Caranza pagaba 600 maravedís. A outra parroquia de referencia, San Xiao de Ferrol, pagaba naquel ano, 8.000 maravedís.